O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a Fundación Galiza Sempre (FGS) presentaron no día de onte nunha rolda de prensa o Manifesto e a Homenaxe Nacional á Guerrilla Antifranquista na Galiza e á súa Loxística, que terá lugar en Cabanas no mes de setembro de 2023. No acto participaron a responsábel comarcal do BNG, Mercedes Tobío, o tenente alcalde de Cabanas e membro da executiva comarcal do BNG, Iago Varela, o coordinador do grupo de traballo de memoria histórica do BNG, Carlos Babío, e a secretaria da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño, xunto con varios dos membros do grupo promotor do manifesto.
O obxectivo desta Homenaxe é honrar a memoria de todas as persoas que loitaron contra o Réxime franquista e sufriron a súa represión, comprendendo non só ás guerrilleiras e guerrilleiros, senón tamén a todas as persoas que serviron de apoio loxístico á mesma dando refuxio, xantares ou compaña, sen as cales as resistencia non sería posíbel.
Será o 23 de setembro deste 2023 cando o BNG e FGS organizarán en Cabanas a primeira xornada de Homenaxe Nacional á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística. Ademais, durante os meses que restan até a celebración da homenaxe en setembro, organizaranse unha serie de actividades vinculadas á dignificación da memoria, que incluirán relatorios, proxeccións e tamén unha baixada aos restos dos refuxios empregados polos guerrilleiros en Cal do Barqueiro.
Co obxectivo de colectivizar a Homenaxe, o BNG e a FGS lanzaron un manifesto cun grupo promotor de quince asinantes vencellados á memoria histórica, que fica aberto ao conxunto do pobo galego, que pode amosar o seu apoio mediante a súa sinatura na web bng.gal ou na ligazón desta mesma páxina, onde tamén abrimos un formulario para que todas aquelas persoas que queiran aportar a súa testemuña poidan facelo.
https://www.bng.gal/estaticas/homenaxe-guerrilla-antifranquista.html