Nación e Liberdade. Daniel Castelao e Blas Infante

Nación e Liberdade. Daniel Castelao e Blas Infante

Con motivo dos 75 anos do falecemento de Castelao, a Fundación Galiza Sempre comeza a súa xeira de actos a próxima fin de semana, a cal se estenderá ao longo de todo o ano para render homenaxe á súa figura e ao seu pensamento político.

Castelao deixounos un inmenso legado artístico e político que son inseparábeis, pois nas dúas facetas demostraba o seu comprimiso coa soberanía nacional, a defensa dun modelo que cuestionase o capitalismo ou a aposta polo antiimperialismo e a solidariedade entre os pobos. Castelao non vivía á marxe doutras realidades, e desde moi pronto entrou en contacto con outras nacións sen estado para coñecelas de primeira man. Un dos pensadores políticos con quen chegou a ter vínculos foi co andalucista Blas Infante, precursor do Estatuto de Autonomía para Andalucía e cun papel decisivo para dotala dos seus símbolos, como a bandeira e o himno. Blas Infante sempre demostrou un grande interés por Galiza, o cal se demostra coa viaxe que realizou ao noso país en 1929 e que deixou documentada.

O pensamento político e obra das dúas figuras teñen amplos paralelismos: a defensa da soberanía co anticolonialismo e socialismo, a defensa das clases populares e a defensa de nacións integradoras e solidarias, como ben demostran os artigos que Antón Vilar Ponte realizou sobre as coincidencias entre o galeguismo e o andalucismo.

Para abordar o pensamento destas dúas figuras e analizar os paralelismos entre Galiza e Andalucía, contaremos co ensaísta e membro do padroado da Fundación Galiza Sempre, David Rodríguez e co historiador e sociólogo especializado no pensamento político andaluz, Javier García. Farémolo a través de tres encontros que terán lugar o próximo venres 24 de xaneiro ás 20h na Casa do Taberneiro (Compostela), o sábado 25 ás 19h na Libraría Cartabón (Vigo) e o domingo 26 ás 12h na A.C Alexandre Bóveda (A Coruña).

David Rodríguez combina o seu traballo de deseñador gráfico e o activis político co ensaio. É autor da obra Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo de Castelao e foi galardoado hai uns anos co premio de Ciencias Sociais da Fundación Vicente Risco polo seu ensaio O canastro sen tornarratos.

Javier García é profesor de historia e relacións internacionais e autor de obras como Tierra y libertad, Descolonizar Europa, Pensar Jondo e La hoz y el olivo. É militante de Adelante Andalucía e encabezou a candidatura de Ahora Andalucía nas pasadas eleccións europeas.