Cales son as novas perspectivas para a autodeterminación dos pobos no século XXI? Como se poden resolver os conflitos causados pola carencia de vontade democrática dos estados? Eis algunhas das cuestións a debater no seminario internacional “Autodeterminación dos pobos. Modelos de estado” que terá lugar no Parlamento Europeo (Bruxelas) os próximos 20 e 21 de setembro. O acto está organizado pola Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, da que forman parte 30 organizacións representativas de varias nacións e pobos sen estado de todo o mundo. A Fundación Galiza Sempre é, canda o CIEMEN catalán, unha das entidades fundadoras.
O obxectivo do seminario é reflexionar e facer propostas sobre a construción de Europa desde a perspectiva dos dereitos colectivos das suas nacións sen estado e presentar internacionalmente a Rede Mundial. Entre os participantes, destaca a presencia da eurodeputada galega Ana Miranda (BNG), de Gemma Calvet (Xurista, Cataluña), do exdeputado independentista na Asemblea Nacional do Québec, Daniel Turp, e de representantes de ERC e da esquerda abertzale. No seminario debaterase da situación de nacións e pobos sen estado como Escocia, Bretaña, a Cabilia, o Kurdistán, o País Basco, o Sáhara Ocidental, os paises Catalans, Córcega, Gales e Galiza.
Xabier Macias, director da FGS e presidente do Centre Maurits Coppieters –fundación europea ligada á EFA-ALE, a formación na que se integra o BNG en Bruxelas- moderará o debate.
A Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos comezou a súa andaina no ano 2009 no Foro Social Mundial de Bélem (Brasil) e constituiuse oficialmente en novembro de 2011.