Recollemos neste volume algúns dos principais textos políticos producidos polo nacionalismo galego no século XX. Noventa anos despois da Asemblea de Lugo quixemos agrupar os documentos que dan testemuño da traxectoria ideolóxica e programática das organizacións inequivocamente partidarias dos dereitos nacionais do pobo galego.
Editadas conxuntamente, estas ideas resultarán máis accesíbeis permitindo a súa mellor apreciación como patrimonio común de nacionalistas actuais e futuros, porque se algo destaca nestes textos é a súa capacidade para transmitir o empeño dos seus protagonistas por afirmar a libre determinación da identidade colectiva fronte á alienación e o espolio económico, político e cultural da nosa Terra.
A recompilación pretende sobre todo dar que pensar. Por iso recurrimos á análise de especialistas e procuramos colaboracións que susciten unha ollada nova e estimulante sobre o pasado buscando convencer a quen descubra agora estes escritos do longo e tortuoso camiño que deben percorrer os pobos na procura das súas liberdades. A frase non é retórica no noso caso: o avance na merecida normalización nacional volve tropezar nestes días con erros e atrancos coñecidos e enfronta, como case sempre, feroces ataques de quen non consinte que cidadanía, soberanía e dereitos se aprendan e exerzan en galego.
Nesta tesitura, o amor polo propio require compromiso. Se o damos motivado con esta lectura darémonos por satisfeitos.
Xabier Macías
Director da Fundación Galiza Sempre
Galiza, Xullo de 2009