En xaneiro de 2006 a Fundación Galiza Sempre convidou a dous representantes do Frente Ampli o uruguaio. Como en tantas ocasión anteriores a mediación de Ana Miranda, portavoz do BNG no Parlamento Europeo, propiciou unha visita na que Eleuterio Fernández Huidobro, dirixente do MPP e senador primeiro da República Oriental do Uruguai, e Daniel Larrosa, membro do CADESYC e asesor do Ministerio de Industria, Enerxía e Minería, puideron coñecer de primeira man a realidade galega e estabelecer vías de colaboración con diversos departamentos da Xunta de Galiza dirixidos por nacionalistas galegos. O acceso do BNG ao goberno autonómico poucos meses despois da toma de posesión de Tabaré Vázquez como novo presidente do Uruguai facilitou esta relación institucional entre os dous países. Os compañeiros uruguaios mantiveron entrevistas cos conselleiros de Medio Rural, Industria e Cultura; coñeceron a experiencia galega en materia de enerxías alternativas; falaron con responsábeis de sectores estratéxicos da nosa economía como a pesca ou a industria naval e xuntáronse coa importante colectividade uruguaia residente en Galiza.
Pero, alén deste produtivo intercambio, a nosa intención era contribuír ao achegamento das experiencias dos respectivos movementos de liberación nacional; contrastar os seus difíciles procesos de construción da unidade e o pluralismo organizativo; e apreciar nos nosos convidados a capacidade de avanzar na renovación das ideas, no mellor coñecemento da realidade, sen renunciar ás conviccións e ao ánimo de transformación social. Quen asistiu ás conferencias de Eleuterio Fernández Huidobro en Vigo e A Coruña sabe de que falamos. Dificilmente poderiamos ter contado cun orador máis gráfico e brillante. O actual senador, antigo líder tupamaro, falounos con crueza das intolerábeis sociedades que orixina a globalización transmitindo a forza e a emoción de quen arriscou a súa vida e pasou anos encarcerado por ousar derribar unha orde social e política inxusta. Pero deixou pegada tamén coa sutileza do seu pensamento, o seu antidogmatismo e ironía. Por todo iso, pareceunos oportuno publicar agora a transcrición das intervencións do Seminario celebrado en Santiago para reflexionar sobre as perspectivas das recentes experiencias de goberno do nacionalismo galego e do Frente Amplio, no que Alfredo Suárez Canal, Conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galiza, exerceu de relator do BNG.
Setembro de 2006
Xabier Macías Virgós. Director-Xerente
Fundación Galiza Sempre