Este cuarto número da colección Ideas impresas recolle a transcrición das principais intervencións realizadas no Foro galego-portugués sobre a nova Europa, organizado en maio de 2004 pola Fundación Galiza Sempre, con participación de representantes do Bloque Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda. A ampla participación neste encontro deu boa mostra do interese polo mutuo coñecemento que, alén das análises e preocupacións políticas compartidas en torno á construción europea, cobra sentido nunha dimensión estratéxica para o nacionalismo galego: a potenciación das relacións políticas, socioeconómicas e culturais entre Galiza e Portugal.
Coa súa publicación pretendemos fornecer de argumentos para o debate sobre a situación actual da Unión Europea e, especificamente, en torno á mal chamada constitución que será sometida a referendo no Estado español. No inicio desa discusión –ata agora negada ás sociedades e pobos europeos– parécenos especialmente pertinente partir do apuntado por Xavier Pedrol e Gerardo Pisarello no seu traballo “La Constitución furtiva”, recentemente publicado : “o debate acerca deste Proxecto non pode reducirse a unha cuestión de estar ´a favor ou en contra de Europa´. Este tipo de proposición é tendencioso. Oculta a cuestión crucial, política, que é aclarar a qué Europa se fai referencia”.
Con esa intención atópanse nestas páxinas achegas para entender o que está a pasar na Unión Europea, opinións con matices diversos pero basicamente coincidentes na crítica ao procedemento de elaboración, o contexto e os obxectivos que agocha un proxecto de tratado constitucional no que, en palabras dos autores citados, atopamos un “ `núcleo duro´ … [que] sigue reflectindo, no substancial, unha concepción tecnocrática e elitista do poder político e unha articulación neoliberal das relacións co poder económico. Ambas en detrimento dos intereses da maioría dos habitantes e pobos de Europa e dos seus deberes de solidariedade cos países empobrecidos do Sur e do Leste do planeta”.
Complétanse as análises e reflexións de Xosé Manuel Beiras, Luís Fazenda, Miguel Portas e Camilo Nogueira coa reprodución dos acordos sobre este tema adoptados polo BNG na súa última Asemblea Nacional e coa referencia da documentación editada polo Bloco coas súas alternativas.
Xabier Macías Virgós
Director-Xerente. Fundación Galiza Sempre
Setembro de 2004