Ao presentarmos a versión en galego deste traballo, realizado no Centro Maurits Coppieters por iniciativa da Fundació Josep Irla, queremos deixar constancia da activa participación do nacionalismo galego no impulso do recoñecemento da soberanía das nacións sen estado na Unión Europea.
Na lexislatura 1999-2004 o deputado do BNG Camilo Nogueira presidiu no Parlamento europeo o Intergrupo de Nacións sen Estado promovendo a súa participación política nas institucións comunitarias por considerar “inaceptable e sen sentido que, nunha perspectiva estratéxica, a Unión Europea oculte e negue a existencia básica da diversidade europea”, segundo o recollido no manifesto da reunión do Intergrupo celebrada en Compostela en xaneiro de 2001. O eurodeputado galego afirmaba na Sesión plenaria do 14 de xaneiro de 2003: “As nacións sen estado como Galiza queren traballar na perspectiva dunha ampliación interna. Por que Malta e non Galiza? Por que Chipre e non Escocia?” reivindicando a maior entidade económica e demográfica, e mesmo tradición histórica e diferencia cultural, destas nacións fronte a algún dos estados incorporados con pleno dereito na UE.
A extensión dos procesos cívicos e políticos que procuran no continente a soberanía de vellas nacións até agora negadas renova a actualidade da alternativa de ampliación interna formulada hai case dez anos dende Alianza Libre Europea (EFA -ALE). O estudo recollido nesta publicación argumenta a súa viabilidade e lexitimidade democrática.
Presentación da Fundación Galiza Sempre para a edición galega do texto. Outubro 2010