A Fundación Galiza Sempre (FGS) contempla nos seus estatutos a organización dun Arquivo do nacionalismo galego e do pensamento político e social de Galicia. Para este fin, levouse a cabo a adhesión no ano 2005 ao Consello Internacional de Arquivos (ICA, Sección Partidos Políticos SPP, Categoría C), asinándose un contrato de asistencia técnica coa Universidade de Santiago de Compostela no ano 2009.
O Arquivo xestionado pola Fundación Galiza Sempre, comeza a súa andaina no ano 2009 coa finalidade de contribuír a reunir, organizar, conservar e poñer a disposición do público interesado o patrimonio documental do nacionalismo galego e, en especial, do Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Preténdese así garantir a preservación da memoria e da experiencia histórica do BNG, a través da conservación da documentación emanada dos seus xa trinta anos de historia. O Arquivo alberga os fondos do BNG dende a súa creación, recollendo ademáis documentación de diversas organizacións, sindicatos e outros grupos ou partidos afíns, colaborando na importante labor de difusión dunha documentación fundamental para a reconstrución do noso pasado recente.
A documentación conservada no Arquivo é de obrigada consulta para calquera traballo de investigación que aborde algún aspecto do nacionalismo galego contemporáneo. Os fondos da Fundación ofrecen materiais inéditos e de gran utilidade para o investigador, aspirando a converterse nun dos fondos especializados en documentación política e social do país.