A Fundación Galiza Sempre colabora coa Asociación Socio-Pedagóxica de Galiza na difusión do último libro do historiador e ensaísta, Francisco Rodríguez.
A presentación nacional terá lugar o próximo mércores 9 de febreiro nos salóns do Museo do Pobo Galego ás 19h. No acto, o autor estará acompañado de María Antonia (presidenta da A.C O Galo), Patricia Varela (presidenta da AS-PG), Rubén Cela (presidente da FGS) e Manuel Vilar (director do Museo do Pobo Galego).
Este libro sobre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza e a crise da segunda metade do século XIV responde a un afán por combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións sobre el. É, en certa maneira, un traballo a favor da saúde mental colectiva da sociedade galega. Xurdiu da necesidade de colaborar a un coñecemento sobre a nosa historia, entre os séculos VIII e XIV, radicalmente confrontada coa ocultación e terxiversación do oficial dominante. É, pois, unha visión crítica do estado da cuestión e unha proclama a favor de descubrir o oculto ou manipulado. O autor faino, analizando, debatendo e tirando conclusións, desde a historiografía oficial e cadémica e desde as fontes documentais existentes. Tamén desde a importante, malia ser desconsiderada, con frecuencia, historiografía que se ten esforzado, xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península, para así mellor construír unha visión histórica ao servizo do castelanismo, primeiro, e dos españolismo, despois.
Este Tomo I céntrase en evidenciar esa relevancia incuestionábel, para logo (Tomo II) entrar na análise dun momento estelar e conflitivo, segunda metade do século XIV, cuxo desenlace tivo transcendencia para o noso futuro.