A participación da fundación Galiza Sempre no Centre Maurits Coppieters, a fundación da ALE, propiciou en 2012 tres proxectos que se presentarán axiña. Os tres comparten o protagonismo das nacións sen estado como eixo dunha alternativa ao actual modelo neoliberal de construción europea. Eis o resumen destas iniciativas:
Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática
De próxima aparición, este novo libro da Fundación Galiza Sempre (FGS), financiado pola Deputación da Coruña, é unha versión ampliada e actualizada do Informe realizado en 2012 para o Centre Maurits Coppieters (CMC) por Xavier Vence, Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e colaboradores/as. Tanto a edición inglesa como a galega están no prelo e serán editadas e distribuídas no primeiro trimestre de 2013.
Participación galega en Expolangues
Galiza Sempre promove a presenza da lingua galega nesta feira editorial internacional que se celebra en París do 6 ao 9 de febreiro de 2013. Convidado polo Centre Maurits Coppieters Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, participará o 7 de febreiro nunha mesa redonda con representantes de Catalunya, Macedonia, Córcega e Bretaña. Canda Xerais confirmou tamén a súa presenza a Editorial Kalandraka. A iniciativa da fundación europea que preside Xabier Macías pretende apoiar o coñecemento mutuo e a visibilidade das linguas de nacións sen estado.
Xeopolítica das Nacións sen estado europeas
A Fundación Galiza Sempre preparou a información sobre Galiza que incorporará este novo proxecto do CMC, a publicar como sitio web no primeiro trimestre de 2013. Datos xeográficos, históricos, políticos, demográficos, culturais e económicos para mellor comprender a realidade das nosas nacións. A iniciativa súmase a DILINAME, a biblioteca dixital que xa recolle 32 documentos históricos -9 galegos- de movementos nacionalistas e independentistas representados en EFA-ALE e CMC.