A Casa de Cultura de Monforte (o xoves 22) e a Galería Sargadelos de Lugo (o martes 27) acollen novas presentacións desta publicación editada por Galiza Sempre recollendo panfletos e manifestos do movemento feminista galego entre 1975 e 2003. Desde a Asociación Galega da Muller ata a Marcha Mundial das Mulleres o libro deixa constancia das principais campañas impulsadas no noso País polo movemento social a prol dos dereitos das mulleres, cunha énfase especial nos anos da súa construción nas décadas 70 e 80.
Os documentos agrúpanse en diferentes apartados contemplándose, en primeiro lugar, o empeño de ruptura co rol tradicionalmente asignado ás mulleres para abordar despois outros ámbitos do esforzo emancipador do feminismo: a sexualidade, o traballo dentro e fóra da casa, a necesaria independencia das mulleres ou a súa actuación cara á esfera política. Canda o esforzo divulgativo, a edición persegue “convencer as súas lectoras e lectores –tanto ou máis necesarios– de que os avances do feminismo o son da sociedade toda polo que paga a pena implicarse en defendelo e espallalo, especialmente cando se pode comprobar acotío o poder das forzas que teiman polo seu retroceso. Non hai dereitos eternos… e, lamentablemente, vivimos días nos que unha crúa realidade se encarga de deixárnolo ben patente”.
Xoves 22 de Novembro | 20h Casa da Cultura Monforte
Isabel Rodríguez Mate. Historiadora e investigadora
Xabier Macias. Director da Fundación Galiza Sempre
Ana María Casal Rivas. Concelleira de Igualdade e Inmigración do Concello de Monforte.
Martes 27 de novembro | 20h Galería Sargadelos Lugo
Isabel Rodríguez Mate. Historiadora e investigadora
Xesús Veiga. Presidente da Fundación Galiza Sempre