A organización do Festigal acordou pospoñer a programación da edición de 2021 por motivos de responsabilidade ante a pandemia da covid-19, pois as medidas de prevención sanitaria non permiten ser fieis ao espírito co que foi ideado este evento para dispor dunha experiencia segura, diversa e libre.
O Festigal procurou, durante toda a súa longa traxectoria, dar cabida ao maior número posíbel de expresións artísticas, co que se converteu nun referente da propia cultura de Galiza, como unha oportunidade para o intercambio e coñecemento doutros pobos. No Festigal converxen traxectorias e dinámicas feitas no país coa tradición e a vangarda da nosa cultura, ao reivindicar desde as orixes unha identidade e un país.
Coa intención de ofrecer o mellor Festigal, a organización viuse na obriga de cancelar a edición deste 2021. O Festigal é sinónimo de música, de festa, de país e tamén de liberdade; de poder ofrecer todo un escaparate de difusión da nosa cultura. Mais as actuais medidas sanitarias non permiten ser fieis ao espíritu co que foi ideado o Festigal, unha experiencia segura, diversa e libre neste lugar de encontro entre milleiros de persoas que gustan de compartir experiencias arredor da música, libros, obradoiros, debates, artesanía, creatividade artística, xogos, gastronomía e asociacionismo entre o 24 e o 25 de xullo para celebrar o Día da Patria Galega.
A pesar desta pausa obrigada de dous anos, o Festigal ten futuro e anceios de seguir medrando e sumando. Por iso, a comisión comprométese a organizar unha edición 2022 inesquecíbel, coincidindo co seu XX aniversario, onde a comunidade festigaleira poida celebrar de novo esta festa da nosa cultura e do noso país.
O Festigal é un evento onde o voluntariado e o esforzo comunitario son pezas fundamentais da organización, que está integrada por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, ademais de proxectar orgullo de país e de servir de escaparate artístico da cultura galega como selos de identidade que contribúen a tecer lazos de compañeirismo e de fraternidade para a xente moza durante a semana de celebración do Día da Patria Galega.