A obra de destacados fotógrafos galegos dá testemuño en diversas institucións da exemplar resposta protagonizada polo pobo galego perante a catástrofe ecolóxica orixinada polo afundimento do Prestige hai agora dez anos. O Parlamento, as universidades, o Valedor do Pobo, o Consello da Cultura, a Real Academia Galega, O CGAC ou o Museo do Pobo Galego recibiron da Fundación Galiza Sempre en 2004 fotografías que reflicten tanto o esforzo comunitario na loita contra a marea negra como a denuncia pola indefensión política e a escasez de recursos que puxo en evidencia.
A iniciativa de Galiza Sempre propiciouna Camilo Nogueira ao remate do seu mandato como eurodeputado do BNG cedendo á fundación nacionalista os fondos da Exposición “Marea Negra” -organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colectivo Burla Negra- que se mostrara no Parlamento Europeo en homenaxe aos profesionais do xornalismo que contribuiron a enfrontar as consecuencias da catástrofe facilitando información veraz do acontecido.
O recoñecemento ao traballo dos homes e mulleres do mar e á impresionante mobilización de voluntariado ficou tamén, entre outras, en entidades como o Consello da Xuventude, a Coordinadora galega de ONGs, ADEGA, ou Salvamento Marítimo. A foto recolle o momento da entrega na Reitoría da Universidade de Santiago de Compostel da fotografía tirada por Carlos Pardellas (La Opinión de A Coruña) na Praia de Lira, Carnota o 20 de decembro de 2002.