A XX edición do Foro de São Paulo, o foro internacionalista que reúne á esquerda latinoamericana, celébrase en La Paz (Bolivia) desde o 25 ao 29 de agosto. Asistirán máis de 650 representantes de partidos políticos da esquerda e de organizacións sociais de toda América Latina, asi como organizacións políticas de varios continentes. O Foro vai ser inaugurado polo Presidente do Estado Plurinacional de Bolivia Evo Morales, e ten como anfitrión ao Movimento al Socialismo-IPSP de Bolivia.
Galiza vai estar representada pola FGS e o BNG, a través da Secretaria de Política Internacional do BNG e vogal de exteriores da fundación nacionalista, Ana Miranda. O nacionalismo galego asiste a este importante evento internacional, no que xa ten participado o BNG nas edicións de 2003, 2007 e 2010.
A representante nacionalista participará nos diferentes obradoiros de traballo e plenarias do Foro, así como no I Encontro de Democracia dos Pobos, no Encontro de Parlamentares e no encontro de Mulleres.