A Fundación Galiza Sempre, fundación ligada ao BNG e ao Centre Maurits Coppieters ligado ao partido político europeo ALE que defende a autodeterminación dos Pobos, organizan na Galiza un ciclo de charlas sobre o Curdistán en varias cidades galegas. Baixo o título “Curdistán: unha nación pola paz e a democracia”, contarase coa presenza de Eyyup Duru “Faruk”, Delegado do partido político turco procurdo HDP, un dos partidos principais da oposición turca que conta con 59 escanos no Parlamento de Ankara.
O HDP é un partido que defende a autodeterminación do Pobo Curdo, a democracia, o pacifismo, o ecoloxismo, o feminismo, os dereitos LGBTI e políticas transformadoras anticapitalista e foi unha das principais sorpresas das eleccións turcas, mesmo co veto imposto por Erdogan do 10% e hoxe en día moi perseguido pola ameaza do dictador que quere retirarlle a inmunidade parlamentar aos representantes do HDP.
O BNG mantén relacións políticas co HDP en Bruxelas e participou este ano representado pola Portavoz en Europa Ana Miranda no seu último congreso en Ankara.
Desde a Fundación Galiza Sempre tamén se manteñen estreitas relacións xa dende hai anos, como a participación conxunta na “Rede Mundial dos Direitos Colectivos dos Pobos” e no Foro Social Mundial.
As charlas van celebrarse hoxe en Santiago ás 20hs no Café SCQ, o mércores 12 na Coruña no Mezopotamya bar (rúa gaiteira, 50) ás 12 h e xoves 13 ás 20.30 na Libraría Cartabón de Vigo. Os debates van ser presentadas por Xabier Macias, presidente do CMC e Ana Miranda, Vicepresidenta da FGS.
O mércores 12, Eyyup Doru reunirase na Coruña con Francisco Jorquera, Presidente da Fundación Galiza Sempre e coa colectividade curda na Galiza. Asimesmo terá un encontro coa Executiva Nacional do BNG e outros actos no Concello de Pontevedra.