Convidado a través da Fundación Galiza Sempre para expor a situación de Galiza como nación sen Estado, Camilo Nogueira participou o 27 e 28 de febreiro na República turca na Conferencia Internacional sobre Experiencias de Negociación e Resolución de Conflitos celebrada en Amed (Diyarbakir), organizada polo Congreso da Sociedade Democrática daquel país.
Á Conferencia asistiron 150 representantes de organizacións políticas, académicas, sociais e culturais e de medios de comunicación kurdas e turcas, e tamén de Galiza, Irlanda, Flandres, Gales, Cataluña, Euskadi, Sudáfrica, Alemaña, Suecia e outras procedencias, tratando de esclarecer o estado actual, a forma e as perspectivas de autogoverno e autodeterminación de diferentes nacións sen Estado, dentro dunha reflexión sobre o caso do Kurdistan na República Turca, nun contexto condicionado pola extensión do povo kurdo por una vasto territorio integrado tamén en Siria, Irán e Iraque. Na súa intervención, Camilo Nogueira falou do carácter histórico, cultural, socio-económico de Galiza como nación frente á idea do Estado español e de España como nación única, do nacimento e evolución do movimento nacional galego nas circunstancias dos séculos XIX e XX, e da consecución do Estatuto de Autonomía e da experiencia das últimas tres décadas, na perspectiva dun autogoverno nacional pleno e da presenza na UE como nación. Para o ex eurodeputado nacionalista -quen tivo ocasión de participar como os demais intervenientes nos debates sobre o futuro do Kurdistan- “temos unha visión sesgada e estereotipada da cuestión kurda”, descoñecéndose a tradición milenaria da súa cultura e as múltiples dificultades derivadas da súa situación actual. Nogueira valorou moi positivamente “a calidade dos debates” confiando en que a iniciativa “contribúa a búsqueda dunha solución democrática para o conflito vivido polo povo kurdo”
Apoiada pola municipalidade de Amed (Diyarbakir) -a principal cidade do Kurdistan con un millón de habitantes, no territorio da República Turca- a Conferencia contou coa asistencia do alcalde, elexido nunha lista kurda que conseguíu 65% dos votos, con representantes dos partidos kurdos e coa presenza de Leyla Zana, a deputada que hai anos foi expulsada do Parlamento turco de Ankara e encarcerada por comezar unha intervención na lingua do Kurdistan.
No seu conxunto o povo kurdo está formado por 30 ou 40 millóns de persoas. Povo milenario, tendo conseguido un Estado proprio depois da Primeira Guerra Mundial, coa caida do Imperio Otomano, as circunstancias da posguerra daqueles anos motivaron a anulación do Tratado que estabelecía o Estado Kurdo, sendo o seu territorio dividido en catro Estados alleos, convertidos os kurdos en estranxeiros no territorio que sempre lles pertenceu. Na República Turca, o Kurdistan non é recoñecido como país, os kurdos son chamados turcos da montaña e a lingua kurda está proibida nas actividades publicas: só recentemente comezou a ser minimamente permitida. A “cuestión kurda” agravouse o pasado ano despois de o Partido da Sociedade Democrática (DTP), a principal formación kurda con 21 deputados, ser ilegalizado en decembro polo Tribunal Constitucional de Turquía.
Para Nogueira: “A Conferencia de Diyarbakir constituiu unha rara oportunidade de debate sobre a cuestión kurda, en contraste con experiencias de outras nacións sen Estado como Galiza” lembrando que “o respeito dos direitos dos kurdos, xunto coa subordinación estrita dos militares ao poder democrático civil, constituen as dúas principais cuestións exixidas pola UE entre as condicións da posíbel integración da República Turca”.
Artigo de Camilo Nogueira en Vieiros:
http://www.vieiros.com/opinions/opinion/1132/a-na-ao-curda