A eurodeputada do BNG, e colaboradora habitual da Fundación Galiza Sempre, Ana Miranda participa na delegación oficial enviada polo Parlamento Europeo a Paraguai para indagar as circunstancias da fulminante destitución de Fernando Lugo como presidente do país latinoamericano e o posterior nomeamento de Federico Franco. Dáse a circunstancia de que Miranda participara como observadora no proceso electoral de 2008 no que Lugo saíu elexido presidente, nunha viaxe organizada pola Fundación Galiza Sempre no seu programa de intercambio e cooperación internacional.
O cambio na Presidencia da República de Paraguai tivo lugar o pasado 22 de xuño despois dun xuízo político sumarísimo a Lugo, que concluíu coa decisión do Congreso de depoñelo do seu cargo cos votos da práctica totalidade da Cámara. A decisión sería pouco despois referendada tamén polo Senado.
Ante as interrogantes legais suscitadas por este proceso, -Lugo só tivo dúas horas para preparar a súa defensa ante o xuízo político-, o Parlamento Europeo decidiu enviar unha delegación indagatoria integrada por membros da Delegación Parlamentar Europa-Latinoamérica, á que pertence Miranda.
O obxectivo é ter información directa dos principais interlocutores políticos, económicos e sociais de Paraguai para establecer se a destitución de Lugo é produto dun golpe de Estado, como aseguran os seus partidarios e os principais xefes e xefas de estado de América Latina: Arxentina, Uruguai, Brasil, Chile, Venezuela, Bolivia, Ecuador e Perú.
A Fundación Galiza Sempre programou en 2008 reunións no Centro Galego de Asunción e contactos co Ateneo de Lengua e Cultura Guaraní que coñecera de primeira man a experiencia da Mesa pola Normalización Lingüística nunha visita a Galiza en 2007. A colaboración proseguíu despois coa participación nos debates organizados no Espazo polos Dereitos Colectivos dos Pobos no Foro Social Mundial de Bélem en 2009.