América Latina após o COVID-19

América Latina após o COVID-19

O mércores 16 de cemebro a Fundación Galiza Sempre organiza un novo encontro dentro do ciclo Diálogos desde a Periferia. Desta volta leva por título América Latina após o COVID-19 e contará co Premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel.

Durante este encontro Pérez Esquivel fará un repaso da situación actual de América Latina e dos retos que ten pendentes a esquerda no panorama após a COVID-19. Poderá seguirse coma sempre a través da páxina de Facebook da Fundación Galiza Sempre a partir das 20 horas e haberá unha quenda final de preguntas do público.

Pérez Esquivel é un escritor e activista polos dereitos humanos arxentino. Fundador do xornal Paz e Xustiza, un dos símbolos do movemento pacifista e en defensa dos dereitos humanos na área de influencia latinoamericana. Viaxou polo mundo deseñando programas de axuda e desenvolvemento para as comunidades indíxenas latinoamericanas.

Nos anos 70 sufriu a represión da dictadura arxentina de Videla e a prisión. En 1980 recibiu o Premio Nobel da Paz e posteriormente foi designado membro do comité executivo da Asemblea Permanente das Nacións Unidas sobre Dereitos Humanos.

No mes de maio a Fundación Galiza Sempre iniciou este ciclo de conferencias temáticas internacionais nas que xa van unha ducia delas. Son actos para un público especialmente interesado en temáticas específicas, nas que os poñentes internacionais de recoñecido prestixio (gobernantes, representantes políticos e sindicais, de movementos sociais ou do mundo da cultura) realizan unha conferencia onde dan as claves sobre as situacións dos seus respectivos países. Desde a Fundación valoramos moi positivamente os índices de audiencia e percibimos que xa existe un público que quere saber máis e sen o filtro ou manipulación dos medios de comunicación tradicionais.

Neste senso para nós é prioritaria a situación en América Latina. Participaron xa por videoconferencia neste ciclo personalidades como o presidente Evo Morales, o sociólogo portoriqueño Ramón Grosfoguel, o intelectual arxentino Atilio Borón ou o activista chileno Pablo Sepúlveda.