O BNG desenvolveu, en colaboración coa Fundación Galiza Sempre, unha xornada de formación na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago que comezou cunha mesa redonda na que se abordou o papel actual das nacións no contexto estatal e que continuou con distintas palestras e obradoiros para afondar no escenario político actual.
“Nun tempo histórico convulso no que impera o pensamento único, no BNG xuntámonos para debater e formarnos respecto de análises sobre o contexto político actual, tanto na Galiza como no Estado español e tamén no plano internacional”, explicou Lucía López, responsable nacional da Área de Organización.
Na xornada participaron diferentes relatoras e relatores, entre os que se atopaban o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a deputada de ERC, Teresa Jordá e o senador de EH Bildu, Mario Zubiaga, que analizaron o papel das nacións sen estado no contexto político actual. Tamén contaron coa participación do profesor e sociólogo especializado en teoría decolonial, Ramón Grosfoguel, quen achegou a súa análise respecto do mundo multipolar e multicéntrico cara o que camiñamos.
A actualidade dos principios fundacionais do BNG tamén foi abordada nesta xornada a través dunha entrevista ao historiador e dirixente histórico do nacionalismo galego, Francisco Rodríguez, entrevista que desenvolveu Alberte Mera, subdirector de Nós Diario.
Completaron esta acción formativa unha serie de obradoiros nos que se analizaron dun xeito máis práctico aspectos como o activismo militante, as ferramentas para a acción feminista, a lingua galega como prioridade política os 365 días do ano, a imaxe en redes sociais ou as chaves para preparar e organizar a acción política.
“No BNG o debate, a formación e a participación da militancia son aspectos fundamentais que desenvolvemos levándoos á práctica en todos os ámbitos da organización”, concluiu López Sobrado.
*Actividade subvencionada polo Ministerio de Cultura