A A.C A Xacia e a Fundación Galiza Sempre presentan o mércores 26 de xuño ás 20:30 no Centro do Viño da Ribeira Sacra o caderno da colección Ideas Impresas, O ferrocarril en Galiza. O caderno, que forma parte dunhas das coleccións de análise editadas pola FGS, conmemora o 150 aniversario da primeira liña de ferro en Galiza, inaugurada entre a estación de Cornes e Carril en 1873. Este novo número está dedicado ás infraestruturas de Galiza en materia ferroviaria. Un informe técnico elaborado polos xeógrafos Mateo Varela, Miguel Pazos e Rubén Lois, ámbolos tres investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e membros do grupo de investigación ANTE (Análise Territorial GI-1871).
Mateo Varela Conrado (1992). Doutor en Xeografía pola Université de Toulouse Jean Jaurès coa tese Ferrocarril e territorio en Galiza: unha análise da gobernanza contemporánea (2022). Investigador asociado da USC.
Miguel Pazos Otón (1972). Profesor titular de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2014 é director do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas) da USC. É doutor pola USC coa tese Movilidade da poboación na Galiza occidental: o eixo urbán atlántico galego (2002).
Rubén Camilo Lois González (1961). Catedrático de Análise Xeográfica Rexional na USC e director do departamento de Xeografía da mesma universidade. Coordinador do grupo de investigación ANTE e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. Foi tamén Director Xeral de Turismo no período 2005-2009 e doutorouse coa tese Aproximación a unha xeografía da mocidade. Estudos socioespaciais dos centros de España (1992)
O padroado da Fundación Galiza Sempre tomou a decisión de dedicar este oitavo volume da colección Ideas Impresas a analizar a fondo o sistema ferroviario galego. Faino a través dun completo estudo monográfico no que se recolle unha análise panorámica sobre a historia, a situación actual e as perspectivas de futuro da rede ferroviaria galega. Deste traballo é posíbel extraer unha radiografía actualizada do ferrocarril no noso país e interesantes conclusións útiles para o debate, o contraste de ideas e propostas e, en definitiva, para contribuír á construción dunha alternativa seria, rigorosa e ambiciosa para dotar á nosa nación dunha rede ferroviaria á altura do que precisa e merece a Galiza do s.XXI.
No acto intervirán Rosana Prieto, vicepresidenta da asociación A Xacia, Luís Antonio Rodríguez, xornalista de Monforte, e un dos autores, Rubén Lois.