A Fundación Galiza Sempre constituíse en 1999 coa vontade de se sumar ao esforzo do nacionalismo galego por erguer unha alternativa de maior liberdade e benestar nun país inzado de potencialidades económicas, creatividade cultural e dinamismo social. Compartindo a enerxía da xente que quere desterrar o tópico da Galiza submisa e afastada da modernidade tentamos ser un instrumento para a cavilación, o debate e a difusión de ideas que sustenten un futuro máis libre para os galegos e as galegas. A nosa actividade pretende a difusión da personalidade nacional de Galiza, da súa historia e da realidade socio-política do nacionalismo galego.
A iniciativa dos amigos ourensáns de Pepe Peña, prematura e desgraciadamente desaparecido en 2006, e máis a colaboración entusiasta da conselleira Teresa Táboas, deunos a oportunidade de estender a nosa acción cultural a un elemento fundamental da identidade galega: o patrimonio construído e a súa relación co territorio.
Xosé Henrique Rodríguez Peña non foi só compañeiro político na construción da plural unidade nacionalista. Foi tamén un exemplo da responsabilidade social dos arquitectos coa súa preocupación polo Patrimonio Construído de Galiza, especializándose en restauración e como autor, entre outros, de traballos sobre arquitectura visigoda e románica ou o mosteiro de Oseira.
Cando o Padroado da Fundación Galiza Sempre crea en xuño de 2007 o PREMIO Xosé Henrique Rodríguez Peña pensa en alentar a conservación e recuperación do patrimonio, pero cun sentido anovador que permita darlle vida, darlle de novo uso, mantendo o necesario equilibrio entre tradición e modernidade. Conscientes da importancia de incentivar e dar a coñecer a calidade arquitectónica e urbanística das realizacións que en materia de recuperación do patrimonio se desenvolven en Galiza, procurabamos, entre outros obxectivos, difundir os valores culturais, patrimoniais e da identidade galega, contribuír ao fomento da calidade dos espazos onde se desenvolve a vida de galegos e galegas, incentivar o conxunto de participantes nos procesos construtivos do país, propiciar o debate arquitectónico e recoñecer o labor profesional de calidade dos arquitectos na recuperación e rehabilitación do patrimonio construído en Galiza.
Despois da primeira edición temos a ledicia de ver progresar algúns destes obxectivos. A iniciativa convocou doce candidaturas de diversa tipoloxía –amosando a ampla variedade do noso patrimonio e distintas posibilidades de recuperación para usos actuais– e contamos cun xurado rigoroso que combinaba experiencia e criterio profesional con sensibilidade
e compromiso cultural.
As obras finalmente premiadas simbolizan ben a chamada social que quixemos pór en marcha con esta iniciativa: hai no País un enorme legado patrimonial e unha gran calidade arquitectónica. Merece a pena o esforzo social e particular por conxugalos na procura da calidade de vida que desexamos para os habitantes dunha nación que camiña cara a súa liberdade.
Xosé Manuel Beiras