Os dias 21 e 22 de xaneiro de 2002 celebrou-se en Porto Alegre o Encontro sobre democrácia participativa e globalizaciónorganizado pola FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE. Pretendia-se contribuir ao achegamento entre organizacións políticas que critican os efeitos negativos do proceso de mundialización económica e están interesadas no avance da democrácia participativa e na defensa da soberania dos povos. O Encontro serviu tamén para o intercámbio de critérios de xestión pública entre representantes do nacionalismo galego e responsábeis institucionais da esquerda brasileña e, máis concretamente, para coñecer a experiéncia de elaboración dos orzamentos públicos con participación da cidadania que están a desenvolver os governos encabezados polo Partido dos Trabalhadores (PT).
Foron horas de debate e conversa con cualificados dirixentes sociais e políticos e con diversos protagonistas do proceso de orzamento participativo, visitas a obras e proxectos de claro contido social e entrevistas institucionais, actividades todas nas que se seguiu tamén con interese a información sobre a situación de Galiza e a experiéncia do Bloque Nacionalista Galego.
Publicamos agora a transcrición dalgunhas das intervencións do Seminário realizado e información básica referida ao modelo de orzamento participativo implantado no Estado de Rio Grande do Sul para dar unha visión introdutoria do procedimento seguido pero, sobre todo, para difundir a intención dos seus inspiradores: revitalizar a democrácia, confiar na participación popular.
Agardamos que estas Ideas Impresas sirvan para estimular o interese sobre unha novidosa proposta que suxire fórmulas de democrácia directa e de transformación das relacións entre sociedade e institucións. Benvidas estas iniciativas ao universo ideolóxico e á prática política das organizacións que se queren alternativas na teima por aprofundar a democrácia, por imaxinar e executar unha Política diferente.
FUNDACIÓN GALIZA SEMPREGaliza, Marzo de 2002.