Por quinto ano consecutivo o nacionalismo levou en 2005 unha voz galega ao Foro Social Mundial (FSM), no que 150.000 persoas de 115 países xuntáronse para seguir construíndo a oposición á mundialización ultraliberal. A inclusión por vez primeira no programa oficial dun debate organizado pola Fundación Galiza Sempre (FGS) permitiu encadrar as nosas alternativas de defensa da diversidade cultural e da soberanía das nacións sen estado como parte do movemento alterglobalizador. A anulación da débeda externa, as mobilizacións contra a fame, a guerra e polos dereitos das mulleres, e a reforma das institucións internacionais foron outros asuntos abordados nas reunións celebradas na cidade brasileira de Porto Alegre entre o 26 e o 31 de xaneiro.
A nosa delegación participou na Marcha mundial de apertura, que congregou 200.000 manifestantes, e no mitin do chamamento á acción global contra a pobreza no que se lanzou esta campaña impulsada por máis de 1.000 ONGs de todo o mundo. Tivemos tamén a oportunidade de asistir a coloquios sobre a Integración, Soberanía e Desenvolvemento de América do Sur, a Defensa do carácter público dos bens comúns da humanidade, e Utopía e política.
A Fundación Galiza Sempre aproveitou a súa presenza no FSM para celebrar diversos encontros bilaterais (con representantes do Consello Internacional do FSM e do Foro de autoridades locais, da Fundaçao Perseu Abramo, do Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e as Nacións (CIEMEN), e de diversas organizacións de esquerda) proseguindo no seu labor de intercambio e mutuo aprendizaxe coas anovadoras expresións de pensamento e acción político-social que se congregan nesta cita mundial. O noso interese por estas experiencias leváranos a organizar en 2001, coa colaboración da representación do BNG en Bruxelas, unha conferencia de Olivio Dutra sobre o FSM e a globalización, e a realizar en 2002, en Brasil e Galiza, diversas actividades de análise e difusión da práctica de orzamento participativo desenvolvida en Porto Alegre. Desta volta, a aceptación no programa de actos do V FSM da nosa proposta de debate sobre “Uniformización cultural e déficit democrático” representou un avanzo cualitativo na implicación do nacionalismo galego neste proceso, culminando unha traxectoria de presenza continuada nos foros sociais mundiais e europeos de líderes do BNG e de representantes de organizacións sociais galegas.
A recoller esa traxectoria e incentivar o achegamento aos mundos que combaten o fanático liberalismo imperante está dirixido este quinto número da colección Ideas Impresas. Transcribimos, en primeiro lugar, as comunicacións presentadas no debate aludido, no que X. M. Beiras, como Presidente da Fundación, compartiu ideas a prol da diversidade política e cultural co representante da ALE (Alianza Libre Europea. asbl) e co Presidente da Fundaçao Perseu Abramo. Ana Miranda sintetizounos nunha crónica o seu testemuño da intervención do BNG nos foros sociais e parlamentarios realizados entre 2001 e 2004 e, como remate, incluímos informacións sobre o propio FSM e unha breve reseña da participación neste proceso de catro organizacións sociais galegas. A edición foi posíbel pola colaboración da EFA/ALE, a organización política europea na que está integrado o BNG, polo que queremos deixar constancia do noso agradecemento aos seus codirectores, Eva Mendoza e Günther Dauwen, polo seu interese e dispoñibilidade.
Albergamos a esperanza de que a lectura destas ideas impresas vos anime a teimar na rebeldía fronte aos poderosos.
Xullo de 2005
Xabier Macías Virgós
Director-Xerente da Fundación Galiza Sempre