Con demasiada frecuencia, as mensaxes políticas e as súas interpretacións caracterízanse pola superficialidade. Así acontece, por exemplo, cando desde tertulias ou titulares se nos fai saber que estamos en pleno debate identitario ou territorial, seica dirimindo a esencia do noso ser colectivo ou a categoría da nosa superficie no puzzle estatal.
Ocorre que, con tanta simplificación, rematan por agocharse feitos como que a Constitución española de 1978 fala nada máis e nada menos que de “indisoluble unidade” (!?) de España ou que había daquela e persisten hoxe -reforzados- movementos socio-políticos que cuestionan, desde as eufemisticamente chamadas nacionalidades, o modelo de descentralización administrativista que se impuxo como solución de compromiso no pacto constitucional: o estado das autonomías.
Se non se esquecera esta realidade sería máis doado comprender que, fronte á prepotente definición plasmada na Carta Magna española, hai propostas democráticas, como a do nacionalismo galego, que reclaman unha nova distribución da soberanía entre os cidadáns do Estado. Porque, ao cabo, no debate aludido non se trata tanto de ver quen somos ou onde estamos senón o poder político que imos ter como galegos e galegas.
De maneira que, se andamos a definir legalmente as nosas aspiracións nacionais, resulta oportuno ir ao fondo da cuestión, botar unha ollada retrospectiva á utilidade da nosa autonomía, e aí radica, precisamente, o interese deste novo número de Ideas Impresas. A lección inaugural pronunciada por Xosé Manuel Beiras no acto de apertura do actual curso académico da Universidade compostelá aborda unha análise do poder autonómico galego nacido hai vintecinco anos, tomando como referencia a medida da súa capacidade para impulsar as transformacións económicas que lle comprian ao pais do atraso, por subdesenvolvido e periférico. Coa coñecida brillantez intelectual do seu autor, o discurso descifra as limitacións da “modalidade restrinxida de autogoberno” existente en Galiza desde 1981 para a execución dunha política económica axeitada ás necesidades nacionais.
Non deixa o Beiras académico de referirse á responsabilidade nun fracaso de por si previsible dos que ocuparon o goberno autonómico en todo este período, aqueles aos que -como referente do nacionalismo galego- contrapuxo a súa crítica mordaz ata contribuír decisivamente a desenmascaralos por nin tan sequera exercer de xeito consecuente as competencias dispoñibles. Pero, alén da constatación da desgrazada ineptitude das “clases dirixentes indíxenas” que nos tocou sufrir, o texto fainos reflexionar sobre cuestións estruturais: as da propia economía galega; as orixinadas polo “marco institucional da política económica aplicable” e, finalmente, os condicionantes derivados do contexto –a globalización, o ultra-liberalismo e o retorno do capitalismo salvaxe- no que se desenvolveu a administración autonómica, achegándonos progresivamente un fío condutor que suscita e fundamenta unha acción política necesaria: a de “restablecer na acción de goberno os modelos e políticas de benestar” e a de “obter as institucións propias dun poder de libre e democrática decisión política”.
Novembro 2006
Xabier Macías Virgós
Director. Fundación Galiza Sempre