Por iniciativa de UGT, CIG e CCOO, diferentes organizacións e entidades representantes da sociedade civil galega constituíron en outubro de 2012 a ALIANZA SOCIAL GALEGA para dar unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que, seguindo os ditados da Unión Europea, están desenvolvendo os Gobernos de Galicia e o Estado, con consecuencias moi graves para as condicións de traballo e de vida da maioría social. Políticas que se veñen aplicando, especialmente desde maio de 2010, atendendo só aos intereses dos mercados ou, o que é o mesmo, da banca e do capital financeiro internacional, que mediante o seu neoliberalismo depredador mingua e pretende reducir á mínima expresión, cando non finiquitar, o noso Estado do Benestar. Perante a perspectiva real de que a situación empeore nos próximos meses como consecuencia destas políticas promovidas polo BCE, a CE e o FMI, e postas en práctica en Galicia e o Estado polos gobernos do PP, as organizacións e entidades asinantes promoverán mobilizacións para expresar o rexeitamento da sociedade galega ás políticas que se están aplicando. Porque a saída da crise non pode recaer sobre os máis débiles nin facerse á custa do empobrecemento da poboación.