Mañá venres 29 de xaneiro ás 19:00h, a Fundación Galiza Sempre organiza un novo encontro dentro do ciclo Diálogos desde a Periferia. É o segundo do ano e desta volta leva o título de China após o COVID-19, e contará coa vicedirectora e analista do IGADI, Marola Padín.
A través deste encontro que estará presentado por Rubén Permui, membro do padroado da FGS, afondarase na situación xeopolítica que China está xogando no contexto actual, na axenda 2030 e nas relacións comerciais entre Galiza e China.
Marola Padín é licenciada en Ciencias Políticas na especialidade de relacións internacionais. Foi investigadora na Chinese Academy of Social Sciences e profesora visitante na Jiangsu Normal University. Actualmente é vicedirectora do Instituto Galego de Analise e Documentación Internacional (IGADI) e analista do Observatorio da Política China (OPCh). O seu foco de atención céntrase en minorías étnicas, a situación das mulleres chinesas e a política interna de China.
Desde a FGS valoramos de forma moi positiva os índices de audiencia durante todo o ano 2020 cunha media de 76 persoas ao longo de todo o ciclo. A estas alturas podemos dicir que os Diálogos desde a Periferia teñen un público asegurado que segue as sesións.