Premio Coppieters 2019 a Camilo Nogueira

Premio Coppieters 2019 a Camilo Nogueira

O 6 de novembro a Fundación Coppieters faralle entrega a Camilo Nogueira e a Patxi Zabala do premio Coppieters 2019. Un recoñecemento que a fundación vencellada á Alianza Libre Europea fai tódolos anos en recoñecemento ao traballo na defensa dos dereitos dos pobos e da súa autodeterminación.

Camilo Nogueira é un histórico dirixente do nacionalismo galego, impulsou desde os anos 60 diferentes organizacións políticas e sociais, caracterizándose na súa traxectoria por unha firme defensa do recoñecemento dos dereitos políticos do pobo galego e da súa proxección internacional.

Como deputado no Parlamento de Galiza entre 1981 e 1993, tivo un destacado papel nalgunhas das primeiras leis de desenvolvemento do autogoberno e participou en actividades contrarias ao verquido de residuos nucleares fronte as costas galegas.

Desde o Parlamento europeo, onde representou o BNG entre 1999 e 2004, facilitou a participación galega no Foro Social Mundial e na Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos en defensa da autodeterminación, exercendo unha importante labor diplomática, con misións no Quebec, Brasil, Escocia, Irlanda ou Uruguai. Promoveu e presidiu o Intergrupo de nacións sen estado, integrado, entre outros, por representantes electos de Gales, Euskal Herria, Escocia, Flandes ou Cataluña.

Defendeu como eurodeputado o pleno recoñecemento da diversidade lingüística da UE e o fortalecemento de relacións entre Galiza e Portugal, polos seus históricos vencellos culturais e lingüísticos e o seu potencial económico conxunto. Participou ao longo da súa vida política en diversas misións de solidariedade internacional, entre outras, no Salvador, Chile, Palestina, Iraque e Curdistán. É de resaltar tamén a súa participación na Conferencia Internacional sobre Negociación e Resolución de Conflitos na cal representou a Galiza.

Defensor da participación soberana de Galiza nunha Europa dos pobos, ten publicado diversos artigos e libros sobre a materia, como “Europa, o continente pensado” ou “Galiza na Unión”, dentro dunha ampla obra de ensaios adicados á historia, a solidariedade e aos dereitos nacionais e sociais.

Malia non estar na primeira liña política segue activo na defensa e construción do país, o último do seus libros ven de ser publicado no mes de xaneiro de 2019, “Unha nación no mundo. A razón resiste (1480 – 2010)”

.