SOMOS UNHA NAZÓN. FAGAMOS OUVIR A NOSA VOZ.

Galiza vive unha situación de emerxencia nacional. Nas últimas décadas asistimos á crise de sectores económicos estratéxicos até o punto de corrermos o risco de ficar sen base económica propia. Acentuouse o deterioro da nosa língua, da nosa cultura, do noso territorio; unha boa parte da nosa mocidade viuse obrigada a emigrar, mais unha vez como nas piores etapas da nosa historia, agravando o noso devalo demográfico e o avellentamento da poboación..., coas graves implicacións económicas que isto ten. A propia supervivencia de Galiza como país está ameazada.

Entre as causas desta situación, sen dúbida, están as políticas practicadas polos Gobernos do Estado e da Xunta de Galiza. Mais hai unha segunda razón non menos importante: as propias limitacións do marco autonómico, acentuadas por unha deriva recentralizadora que anulou a posibilidade de desenvolver, en exercicio do noso autogoberno, políticas que atendan ás nosas necesidades en todos os planos da vida.

Os galegos e as galegas non podemos decidir sobre sectores chave da nosa economía, nin sobre outras cuestións esenciais para o noso benestar e progreso colectivo, sexa o destino do noso aforro ou do diñeiro dos nosos impostos, o aproveitamento en beneficio propio dos nosos recursos enerxéticos, a forma de organizar a nosa estrutura territorial, a promoción efectiva da nosa língua e da nosa cultura ou o xeito de xestionar infraestruturas básicas para a vertebración interna do país. O paradoxo é que tras máis de 35 anos de autonomía política formal, Galiza é un país máis subordinado e dependente, cando necesita máis que ningúen liberarse do espolio dos seus recursos e gañar espazos de liberdade.

Vivimos tempos cruciais. O modelo resultante da Constitución española de 1978 e do Estatuto de Autonomía de Galiza de 1981 presenta claros síntomas de esgotamento. No conxunto do Estado español o recoñemento da existencia de distintas nacións e dos dereitos colectivos que lle son proprios é hoxe, novamente e con enorme vigor, unha cuestión central do debate político e social. Un cenario que máis cedo que tarde vai desembocar nun novo marco, nun modelo novo, pois non hai modelo que poda sobrevivir recurrindo á forza para conter as arelas de liberdade.

Vivimos tempos cruciais e como pobo temos que facer ouvir a nosa voz para evitar unha posición subalterna. Como pobo soubemos auto-organizarnos e defender ao país fronte á catástrofe do Prestige e dun Goberno que nos desatendeu e intentou pisotear a nosa dignidade. Como pobo volvimos facelo, facéndolle fronte aos incendios forestais e tamén ás políticas incendiarias que convertiron o noso chan nun polvorín. Como pobo debemos unirnos como unha soa voz reivindicando o noso dereito a un futuro próspero, no que desde o país se administren os nosos recursos naturais en favor da maioría social e o seu benestar.

As Fundacións promotoras deste manifesto, conscientes de que a defensa de Galiza nestes tempos cruciais require dun movimento social que vaia alén das lexítimas opcións políticas partidarias, facemos un apelo a organizacións sociais e colectivos cívicos de todo tipo para conformar, en réxime de autoconvocatoria, unha ampla Iniciativa Social en defensa do País, asentada nos seguintes principios:

Galiza é unha nazón e o pobo galego un suxeito político diferenciado titular de dereitos colectivos (recoñecida como nazón desde 1933 polo  IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións).

O pobo galego ten dereito á autodeterminación, isto é, ten dereito a decidir libremente a súa propia forma de goberno, procurar o seu desenvolvemento económico, social e cultural, estruturándose, sen inxerencias alleas, e de acordo co principio de igualdade.