Premio Rodríguez Peña 2009

Fundación Galiza Sempre

Presentación

Creado en 2007 pola Fundación Galiza Sempre, o Premio Xosé Henrique Rodríguez Peña pretende difundir os valores culturais e patrimoniais da identidade galega e recoñecer a calidade do labor profesional dos arquitectos na recuperación e rehabilitación do patrimonio construído.

Nesta segunda edición do Premio Rodríguez Peña notouse un incremento considerable do número de candidatos, no que deberon ter que ver a crise na construción, por un lado, e, posiblemente tamén, o interese que está espertando esta convocatoria especializada na recuperación do patrimonio construído en Galicia.

Non foi doado seleccionar tres obras de entre as vintecatro que se presentaban ao concurso. Todas elas tiñan un alto valor e tivo que ser un xurado multidisciplinar o que escollera cales de entre elas desenvolvían mellor os criterios de valoración deste premio.

Despois dunha selección que foi o resultado do contraste de pareceres entre os diferentes membros do xurado chegouse a un grupo de catro candidaturas das que se debía elixir un primeiro premio e até dous accésit, segundo constaba nas bases da convocatoria.

Procedeuse, entón, á visita das catro obras para comprobar in situ os valores que se albiscaban tanto nos planos coma nas fotografías e na memoria achegadas. Esta visita aclarou algunhas dúbidas, permitiu un coñecemento máis completo da relación das obras co seu contorno físico e humano, despexou preguntas sobre o emprego dos materiais e os sistemas construtivos utilizados; en fin, a información que só o coñecemento directo da arquitectura permite ter, por riba de calquera tipo de representación (debuxo, fotografía ou maqueta).

Índice

  • Premio: Rehabilitación de vivenda unifamiliar. Porto de Bares. Concello de Mañón
  • Mención: Pavimentación e mellora dos espazos libres no núcleo de Santa Mariña de Augas Santas. Concello de Allariz. Ourense
  • Mención: Rehabilitación de casa para turismo rural. A Posta da Prata. Taboada. Silleda
  • Listaxe de candidaturas