A ollada exterior do nacionalismo galego

Fundación Galiza Sempre

Introdución

O Universo non naceu aquí pero ben cedo comprenderon os devanceiros que distinguir e fomentar a nosa identidade nacional tiña un único sentido: existir no mundo por nós mesmos. Nacía así unha vocación universal que –non exenta de excepcións e incomprensións– pasou a ser un inequívoco signo identificador do nacionalismo galego, unha fermosa herdanza, entre tantas outras, da frustrada experiencia do Partido Galeguista: non hai localismo nin chauvinismo na exaltación do propio, da nosa lingua, da nosa cultura; non hai contradición entre a reclamación da plena soberanía e a vontade de construír espazos e institucións internacionais entre pobos libres.

Ollar o exterior foi unha premisa para se diferenciar. Edificar a nación levaba aparellado argumentar a nosa especificidade e cuestionar a forzada incorporación nunha España artificial. Repensármonos como País supuxo tamén recoñecer en Portugal, no máis próximo e paradoxal estranxeiro, as pegadas das orixes perdidas ou negadas. Entrementres, do exterior chegaban referencias e exemplos que viñan lexitimar os soños emancipadores e así, neste contraste, foise descubrindo e forxando a identidade nacional.

Andando o tempo a nación segue maltratada e a cidadanía galega orfa de dereitos políticos plenos. O pobo galego escolle hoxe un goberno autonómico de competencias limitadas pero non pode decidir libremente a arquitectura institucional e as relacións que prefire para o País sen delegacións, tutelas ou imposición de maiorías alleas.

Se cadra por iso debemos seguir aturando gobernantes que inventan cada pouco conceptos dirixidos a ocultar a diferenza, negar os dereitos e diluír a evidencia da nosa realidade nacional. Pasou, por exemplo, co bilingüismo harmónico ou co empeño por nos situar en proxectos do noroeste español e repetíase recentemente co cursi e vacuo autonomismo extravertido. Fronte a esa narcótica realidade só o nacionalismo ten expresado conviccións e confianza nas propias capacidades e na potencialidade do autogoberno, mais non sempre este apego polo propio ten ido acompañado do correspondente esforzo de proxección externa. Por iso, esta publicación busca reivindicar a universalidade na xa longa traxectoria do nacionalismo galego desde a revisión crítica dese percorrido, para mellor fundamentar unha imprescindible, e aínda pendente, tarefa vindeira: a aposta decidida por desenvolver unha auténtica política exterior que, canda outras iniciativas e actuacións, apunte cara a soberanía nacional afastando o risco de rematar encerellados na pelexa rexionalista polo rango ou división entre as comunidades –até agora autónomas– españolas.

Cómpre amosar sen complexos a nosa existencia nacional en todo tipo de ámbitos e organismos internacionais, convencidos de que a presenza e proxección exterior é tanto un encomiable instrumento de aprendizaxe e intercambio como un recurso imprescindible para a construción nacional. Baste lembrar como exemplo evidente o dos positivos efectos internos da presenza de deputados nacionalistas nas Cortes españolas ou no Parlamento europeo. Así o entendeu a Fundación Galiza Sempre ao adicar unha das súas principais liñas de traballo a facer visible a personalidade nacional de Galiza, establecendo ligazóns que teñen propiciado a participación galega en distintos niveis e concretado o seu protagonismo en entidades de ámbito europeo, como o Centro Maurits Coppieters –a fundación da Alianza Libre Europea– ou global, como a Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos ou o Consello Internacional do Foro Social Mundial.

Non sempre se entenden estes esforzos porque hai quen parece pensar, seica na liña daquel cartel das fiestras dos vellos trens da RENFE que “é perigoso asomarse ao exterior”. Todo o contrario. A aposta nacional require mirar fóra e precisa dunha ollada ampla e ambiciosa. Nunca o farán asi os que teñen a Galiza como mera plataforma de lanzamento ou retiro para as súas ambicións políticas españolas; tampouco quen acabe unicamente por teimar perante Madrid na reivindicación dunha maior descentralización.

Constatar o interese polo mundo exterior que se transloce nestas páxinas debera rachar estereotipos e estimular novas xeracións de nacionalistas que afirmen a vontade de existir por nós mesmos, impulsando con afán propositivo as alternativas galegas na complexa realidade mundial, a comezar polas realidades político-institucionais que nos circundan. A xente non crerá na nación galega se non somos quen de lle explicar o lugar que pode xogar no mundo real. Sabémolo? Para remexer nesta inquedanza quixemos dar voz nesta publicación a especialistas e protagonistas da ollada exterior do nacionalismo galego. Agardamos que rinda o exemplo.

Xabier Macías Director da Fundación Galiza Sempre
Decembro de 2010

Índice

    Prólogo. Comba Campoy
  • Galiza, célula de universalidade na literatura do século XIX. María Pilar García Negro
  • O nacionalismo galego de entreguerras e o mundo exterior. Justo Beramendi
  • Sempre no Mundo. Xulio Ríos
  • Os movementos anticoloniais e de independencia no Tiers Monde e o rexurdimento patriótico galego. Experiencias e legado (1963-1975) Uxío-Breogán Diéguez Cequiel
  • A Carta de Brest Luis Gonçales Blasco “Foz”
  • Relato dunha experiencia. Camilo Nogueira
  • O nacionalismo e a Unión Europea Xavier Vence
  • O nacionalismo galego no “Foro Social Mundial” Xosé Manuel Beiras
  • As políticas internacionais do BNG: CONSEO-CONSEU Encarna Otero Cepeda
  • A Nación da Patria expatriada Ana Miranda