Intervención na VII Asemblea da CONSEU. Val de Aosta. 12-14 de Outubro de 2007

En boa lóxica da historia, algo tan sinxelo e diáfano coma o contido dese párrafo, escrito hai cen anos, debera estar socialmente asumido e integrado, dende hai tempo, na avenza común da nosa cultura política –polo menos da europea. Mais os feitos semellan indicar que non é así. E que non o sexa, que ese pensamento non esteña incorporado á cosmovisión política da dereita verbo das cuestións nacionais, aínda resultaría espricábel na medida en que esa dereita teime en permanecer recluída nos proxectos chovinistas ancestrais –cousa abondo grave de seu para o estado de saúde de calquera cultura democrática. Ao cabo, Otto Bauer era a máis preclara cabeza pensante do austro-marxismo no primeiro cuarterón do s. XX, particularmente a respeito das cuestións nacionais. Pero máis grave aínda é que ese seu diáfano e sinxelo aserto tampouco está asumido pola esquerda actual nen, portanto, integrado na sua cultura política –e refírome, restritivamente, á esquerda presente nas institucións do poder.